As análises confirman a infección por coronavirus nun paciente procedente de Madrid

As análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente procedente de Madrid confirman a infección por coronavirus dunha persoa que se atopa illada no hospital, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Este é primeiro caso positivo confirmado en Galicia.

Trátase dun home de 49 anos, procedente de Madrid, que se presentou con sintomatoloxía respiratoria no servizo de urxencias do CHUAC e ao que se lle solicita a proba de diagnóstico de COVID-19 ante a presenza dunha neumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica.

A Dirección Xeral de Saúde Pública está seguindo o protocolo e xa iniciou o estudio de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.

Sanidade remarca que hai un procedemento específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. É importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus.

Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. En calquera caso, para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas.

Protocolos

Desde o comezo da alerta por coronavirus, consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.

Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, como actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e como elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento.

Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada para o seu manexo. Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.

Recomendacións

A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

 

Fuente : Xunta de Galicia
IbericaNews
Descripción general de privacidad

Este sitio web utiliza cookies para que podamos brindarle la mejor experiencia de usuario posible. La información de cookies se almacena en su navegador y realiza funciones tales como reconocerlo cuando regrese a nuestro sitio web y ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones del sitio web le resultan más interesantes y útiles.

Puede ajustar todas sus configuraciones de cookies navegando por las pestañas en el lado izquierdo.