Feijóo destaca a creación neste 2016 de 25 novas prazas en centros de atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista a través dun investimento que ascende a 5 M€ e que suma xa un total de 270 prazas públicas

“Aumentamos tamén a partida orzamentaria que destinamos aos convenios coas federacións integrantes do CERMI: de 3 millóns de euros en 2015 a 3,6 millóns de euros en 2016”, engade

Resalta a posta en marcha do primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro Autista, que persegue facilitar a detección do TEA no ámbito escolar e proporcionar a esta alumnado unha atención educativa na que se implique o propio centro e as familias

No eido da discapacidade, subliña que desde 2009 o orzamento aumentou nun 45%, pasando dos 65 millóns investidos en 2009 aos case 95 millóns “que estamos a destinar á discapacidade este ano, 30 millóns de euros máis”

Subliña o traballo que ASPANAES está a facer coas preto de 400 persoas con trastorno autista que atende en toda a provincia da Coruña; unha labor que ten como obxectivo que cada unha destas persoas poida desenvolver o seu proxecto de vida e favorecer a súa integración social

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, durante unha visita ao centro de educación especial Coral Seoane en Ferrol, a creación neste 2016 de 25 novas prazas en centros de atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), a través dun investimento que ascende a 5 millóns de euros e que suma xa un total de 270 prazas públicas. “Queremos seguir acompañando o traballo que realizan asociacións como ASPANAES e centros coma este de Ferrol, para que os seus beneficios cheguen ao maior número de persoas posible”, aseverou.

Máis polo miúdo, Feijóo concretou que destas 25 novas prazas: 9 serán para o centro que ASPANAES ten no Concello das Pontes; 12 prazas concertadas no centro Castro Navás da Fundación Menela en Nigrán; e 4 máis para o centro de día da Asociación BATA en Vilagarcía de Arousa. E resaltou que con estas novas prazas, os centros de ASPANAES en Galicia disporán este ano: no Centro de Día Coral Seoane, de 46 prazas concertadas en 2016; o seu centro de día das Pontes pasará de 25 a 34 prazas públicas; no centro de día de Culleredo, de 23 prazas públicas; e no de Villestro, en Santiago, de 16 prazas en 2016.

Así mesmo, afirmou que a axuda que este ano a Xunta destina á Federación de Autismo de Galicia aumentou un 26% máis que en 2015, que era de 123.000 euros. “E aumentamos tamén a partida orzamentaria que destinamos aos convenios coas federacións integrantes do CERMI: de 3 millóns de euros en 2015 a 3,6 millóns de euros en 2016”, engadiu.

Durante a súa intervención, Feijóo referiuse tamén á posta en marcha do primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro Autista, que persegue facilitar a detección do TEA no ámbito escolar e proporcionar a esta alumnado unha atención educativa na que se implique o propio centro e as familias.

“Estamos a falar dunha ferramenta para os profesionais do ensino e para os pais, que pretende establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios, e orientar a intervención educativa dun xeito máis personalizado”, dixo, ao que engadiu que este protocolo propón un seguimento diario e trimestral para verificar se a atención foi a adecuada ou se é necesario artellar novas medidas.

Un compromiso coa discapacidade
O responsable do Goberno galego fixo extensivo tamén o compromiso da Xunta a todas aquelas persoas que padecen algún tipo de discapacidade. E, nesta liña subliñou que desde 2009 o orzamento dedicado a esta materia aumentou nun 45%, pasando dos 65 millóns de euros investidos en 2009 aos case 95 millóns de euros “que estamos a destinar á discapacidade este ano, 30 millóns de euros máis”.

Xunto con esta partida, Feijóo referiuse tamén a diversas iniciativas, entre as que destacou: a aprobación da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020; e ao incremento de novos servizos de atención residencial e diúrna para os diferentes colectivos da discapacidade.

Nesta liña, destacou ademais axudas para implantar a Rede galega de Atención Temperá; para os servizos de promoción da autonomía persoal; para a formación do persoal das entidades do terceiro sector; para o asesoramento e formación de persoas con discapacidade; e axudas para a supresión de barreiras e a promoción da accesibilidade.

Feijóo concluíu destacando o traballo que ASPANAES está a facer coas preto de 400 persoas con trastorno autista que atende en toda a provincia da Coruña; unha labor que ten como obxectivo facilitar o apoio preciso desde o punto de vista terapéutico e educacional para que cada unha destas persoas poida desenvolver o seu proxecto de vida e favorecer a súa integración social. “Trátase de mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias”, aseverou, lembrando que o Trastorno do Espectro Autista afecta a un de cada 100 nenos que nacen en España.

Deja una respuesta

IbericaNews
Descripción general de privacidad

Este sitio web utiliza cookies para que podamos brindarle la mejor experiencia de usuario posible. La información de cookies se almacena en su navegador y realiza funciones tales como reconocerlo cuando regrese a nuestro sitio web y ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones del sitio web le resultan más interesantes y útiles.

Puede ajustar todas sus configuraciones de cookies navegando por las pestañas en el lado izquierdo.